- O traslado permitirá manter a actividade musical durante o acondicionamento das salas habituais
- O Concello convoca unha xuntanza informativa obrigatoria para explicar o uso dos novos locais e facer entrega das chaves
O Concello de Cambre procederá nos vindeiros días ao traslado do equipamento municipal das salas de ensaio musical a novos locais provisionais, co obxectivo de garantir a continuidade desta actividade. Estes espazos estarán situados no Centro de Formación Ocupacional de Cambre, no Polígono do Espírito Santo (rúa Zepellín, 11, 15650 Cambre).
Co fin de informar sobre o funcionamento destas instalacións e o seu protocolo de uso, o Concello convoca unha xuntanza informativa dirixida a grupos e solistas usuarios das salas de ensaio. A reunión terá lugar o martes 14, ás 20:00 horas, no propio Centro de Formación Ocupacional.
A asistencia a esta xuntanza será imprescindible para poder facer uso dos novos locais, xa que nela se realizará a entrega de chaves e se explicarán as condicións de acceso e utilización dos espazos. Ademais, habilitarase un turno para resolver dúbidas das persoas asistentes.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, subliñou que “esta medida permite dar continuidade á actividade musical no municipio, garantindo espazos axeitados mentres se acondicionan as salas habituais”, e animou aos grupos e solistas a asistir á reunión para coñecer todos os detalles.
O Concello de Cambre destaca a importancia desta actuación para asegurar o desenvolvemento da actividade musical no municipio durante este período provisional.




