O servizo de transporte interurbano da Xunta na Coruña incorpora catro autobuses articulados

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou o funcionamento dos novos vehículos da empresa Alsa, que incrementan nun 50% a capacidade de viaxeiros.

Trátase de unidades híbridas con etiqueta ambiental ECO e accesibles para persoas con mobilidade reducida

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nun percorrido de proba do novo modelo de autobús articulado que a empresa Alsa incorpora ao servizo de transporte interurbano da Xunta na Coruña, concretamente á liña leste desta área. Trátase de catro vehículos híbridos con etiqueta ambiental ECO e con capacidade para 150 persoas, incrementando nun 50% as prazas dos autobuses habituais.

Son ademais vehículos accesibles, con rampla e dúas prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida, e que incorporan novas tecnoloxías como wifi de balde ou enchufes USB, así como diferentes dispositivos de seguridade. No percorrido para coñecer todas estas prestacións participaron tamén a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

As novas unidades operarán principalmente no leste da Coruña, entre San Pedro de Nós en Oleiros e Entrexardíns, nunha aposta da empresa pola modernización da frota, en liña coa política da Xunta. Neste sentido, Diego Calvo referiuse ao impulso que lle está a dar o Goberno galego á modernización e transformación das frotas, con dúas convocatorias específicas enmarcadas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU. A dotación para ambas as liñas suma case 36 millóns de euros.

Investimento superior aos 140M€

O esforzo que está a facer a Xunta no transporte público supón un investimento anual de 140 millóns de euros. “Isto permite que a idade media dos vehículos do transporte interurbano se sitúe en 5,7 anos fronte á media estatal, por riba dos 11 anos, e que máis do 90% dos buses dispoñan de categoría ambiental C ou ECO”, apuntou o conselleiro.

A maiores, Diego Calvo incidiu no traballo de seguimento destes servizos para darlle resposta ás necesidades da cidadanía e garantir a súa adaptación a unha demanda crecente. No primeiro semestre do ano a demanda medrou un 9% ata chegar a case 20 millóns de viaxeiros. Os servizos da provincia da Coruña son os que transportan máis viaxeiros, con máis de 10 millóns de xaneiro a xuño, e os que rexistraron maior aumento da demanda, cun 10% máis respecto ao  mesmo período do ano anterior.

Nesta liña, cómpre lembrar as diferentes medidas impulsadas polo Goberno galego para favorecer este incremento, como o sistema tarifario único, que inclúe bonificacións e beneficios como transbordos gratuítos, ou as tarxetas Xente Nova e +65, que ofrecen ata 60 viaxes de balde ao mes para os menores de 21 anos e os maiores de 65, respectivamente.

O acto de hoxe enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que se celebra ata o domingo 22 co lema Espazo público compartido.

Fonte: Xunta de Galicia

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.