A través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, á que votaron en contra tanto BNG como o PSdeG.
- A iniciativa pide, ademais, que a Xunta non aplique a suba das taxas previstas para 2025 unha vez o Goberno de España atenda estas peticións.
- O novo imposto á vertedura e á valorización “supón un agravio para Galicia, que se situou como a 5ª comunidade que menos refugallos envía ao vertedoiro: o 31 por cento, cifra que se reduce ao 21% se temos en conta só os concellos de SOGAMA”, dixo Gonzalo Trenor.
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno central que dea marcha atrás e suprima todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuo, así como que recupere a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, ao que tiña dereito ato o final da súa vida útil en 2026. Unha vez que o Goberno central atenda estas peticións, demándase a Sogama que non aplique a suba das taxas prevista para o 2025.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, explicou que a Lei estatal 7/2022 de residuos e chans contaminados para unha economía circular introduce un novo tributo que grava a vertedura e a valorización coa escusa de fomentar a prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos. “Este imposto supón un agravio para comunidades como Galicia, que reduciron o envío ao verterdoiro, chegando a situarse como a quinta autonomía que menos refugallos envía ao vertedoiro, un 31 por cento, e se temos en conta so aos concellos de SOGAMA esta porcentaxe mellora ata o 21 por cento, moi lonxe do 50 por cento de media estatal”, indicou.
A Xunta opúxose á creación deste novo imposto á vertedura e á valorización, xa que suporá un incremento dos custes de 12 euros por tonelada, e presentou alegacións á súa implantación. Trenor sinalou que “incluso pediu á Federación Galega de Municipios e Provincias o seu apoio a estas alegacións, algo que esta entidade municipal non chegou a facer ao rexeitar a solicitude trasladada polo Goberno autonómico”.
DECISIÓNS QUE INFLÚEN NO INCREMENTO DE CUSTES
“Pero no incremento dos custes para os concellos non so influíu este novo imposto, senón tamén outras decisións unilaterais impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez, como a orde ministerial que elimina a retribución que recibía SOGAMA pola planta termoeléctrica de Cerceda, que suporá unha suba de 24 euros por tonelada, e o imposto estatal de produción da enerxía, que serán outros 3 euros por tonelada.
Gonzalo Trenor manifestou que, “fronte a un sistema colectivo de xestión como SOGAMA, que demostrou o seu bo funcionamento, o Goberno central alterou as regras do xogo encarecendo a xestión en 39 euros por tonelada, penalizando a Galicia fronte a modelos menos eficientes e respectuosos, nos que se valoriza todo o material recibido ou se envía todo ao vertedoiro”.
Así mesmo, o portavoz popular cualificou de “sorprendente e hipócrita escoitar a crítica por parte da oposición ao sistema de SOGAMA, ao que gobernos municipais tanto do BNG como do PSdeG levan décadas adheridos voluntariamente, cando poderían terse saído e optar por outros modelos de xestión”. En concreto, lembrou que o sistema de Nostián-Consorcio das Mariñas envía so vertedoiro arredor dun 70 por cento dos residuos, mentres que o sistema da Mancomunidade do Barbanza envía a vertedoiro en torno ao 85 por cento, ademais de ser moito máis custosos para os concellos adheridos, ao ter unhas taxas de 119 e 150 euros por tonelada, respectivamente.
Foto: Cedida