A Xunta aborda cos concellos da área da Coruña a renovación do convenio para financiar descontos e bonificacións no transporte metropolitano.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo unha reunión con representantes dos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada para avaliar a situación das liñas e servizos.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe con representantes dos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada para abordar as demandas de liñas e frecuencias de autobús nestes concellos e o compromiso sobre a prórroga do convenio da Área de Transporte Metropolitano da Coruña.
Así, a Xunta atendeu as peticións trasladadas polos concellos respecto a cambios tanto nas liñas como nas frecuencias, que se comprometeu a estudar para, sempre atendendo a criterios técnicos e obxectivos, avaliar posibles melloras. De feito, o Goberno galego recibe de maneira continua aos municipios, como se fixo hoxe cos da área coruñesa, co obxectivo de escoitar e estudar as súas necesidades. O Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo e no que vai de ano realizáronse máis de 400 modificacións respondendo precisamente ás distintas demandas.
Por outra parte, cómpre lembrar que esta mesma semana o Consello da Xunta vén de aprobar a autorización das prórrogas dos convenios para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na áreas da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo cun investimento autonómico de 5 millóns de euros ao ano.
No caso da área da Coruña, a Xunta vai destinar máis de 2,8 millóns de euros ao ano para financiar os descontos e bonificacións. Os 17 concellos que forman parte do convenio - A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, A Laracha, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada- farán unha achega en conxunto de 625.000 euros ao ano.
As prórrogas dos convenios establecen as estimacións das achegas económicas anuais de cada administración, empregando como referencia os custos en 2023 xunto coa evolución do uso dos servizos no primeiro semestre de 2024.
Ao longo deste mes convocarase a comisión de seguimento da ATM da Coruña para escoitar aos concellos e, como aclarou o conselleiro, prevese que o organismo se reúna cunha periodicidade de seis meses tanto para avaliar o convenio e, se fose necesario, a situación das liñas e servizos.
A Área de Transporte Metropolitano da Coruña é a que conta cunha maior oferta de servizos das cinco ATM activas na comunidade. Os 17 concellos que a integran están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 444 liñas, que prestan servizo en máis de 7.700 paradas e nas que se ofrecen máis de 440.000 servizos ao ano percorrendo máis de 13,3 millóns de quilómetros de servizo.
A demanda rexistrada na ATM da Coruña, desde outubro de 2023 a setembro de 2024, ambos os dous incluídos, superou os 8,4 millóns de viaxeiros. Deles, 7 millóns, o 83%, beneficiáronse dos descontos e bonificacións activadas no marco do convenio asinado entre a Xunta e os concellos para o fomento do transporte público na área metropolitana da Coruña.
O Plan de Transporte Público de Galicia, a través das súas 3.600 liñas na comunidade e con máis de 2,3 millóns de servizos anuais, garante que actualmente máis do 97% da poboación galega teña una parada de autobús a menos de un quilómetro do seu domicilio. No marco das melloras levadas a cabo polo Goberno galego coa promoción dunha ampla política de bonificacións, Galicia tamén é a única comunidade que ofrece viaxes gratuítas no transporte para menores de 21 anos e maiores de 65 a través da implantación da Tarxeta Xente Nova en 2021 e a Tarifa +65 habilitada este ano. En ambos casos fináncianse ata 60 viaxes mensuais gratuítas na rede de autobuses da Xunta.
Fuente: xunta.gal