- Enmárcase nas medidas para lograr que “o 70% da poboación galega” teña capacidades dixitais básicas ou avanzadas no 2025.
- Salienta que se destinarán 4,8 M€ a esta iniciativa que ten como obxectivo “reducir a fenda dixital”
- A formación, que se centrará no colectivo de persoas maiores, será totalmente gratuíta e realizarase en cada municipio, a través de aulas fixas ou aulas móbiles itinerantes
- O Consello tamén renova o convenio con Castela e León, Andalucía, Comunidad Valenciana, Estremadura, Navarra e Murcia para seguir colaborando no deseño de materiais e recursos para formación en habilidades dixitais
- Máis de 40.000 alumnos e 32.000 profesores xa teñen un certificado que acredita os seus coñecementos do eido dixital
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou o pasado día 18/11/2024 de que o Consello “aprobou destinar 4,8 millóns de euros a un novo programa para formar en competencias dixitais a 21.000 veciños de municipios con menos de 20.000 habitantes”.
Esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Xunta de lograr que “o 70% da poboación galega” teña capacidades dixitais básicas ou avanzadas no 2025, taxa que agora mesmo está no 64%. “Queremos reducir a fenda dixital e potenciar o coñecemento dixital que cada vez é mais necesario para pedir unha cita médica, facer un pago bancario ou realizar un trámite”, salientou Rueda.
Por iso, o Consello autorizou hoxe a licitación do contrato para o desenvolvemento dun novo programa de capacitación dixital transversal da poboación que se centrará especialmente nas persoas maiores. Financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (NextGeneration-EU), desenvolverase durante o vindeiro ano e ata mediados do 2026 “de balde e forma presencial” en aulas fixas ou móbiles itinerantes.
Ademais das persoas maiores, as mulleres, a infancia e a mocidade son os outros sectores da poboación aos que está orientada esta proposta. Quérese proporcionar competencias dixitais básicas a nenos en idade escolar ou aos maiores de 65 anos, así como competencias dixitais avanzadas a persoas de entre 18 e 65 anos.
Empregabilidade e habilidades básicas
Este novo programa enmárcase na aposta da Xunta por potenciar actividades formativas para que a poboación mellore as súas competencias dixitais co obxectivo de mellorar a inserción laboral ou dotalas de habilidade básicas para o desempeño de labores que hoxe en día requiren de certo coñecemento do mundo dixital.
Nesta liña, cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa normativa ao Marco europeo, creando o Marco galego de competencias dixitais, que acredita coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas de dominio. As acreditacións fóronse implantando inicialmente no ámbito educativo e no sector público autonómico, e este ano convocáronse as primeiras probas para a cidadanía.
Ademais conta coa Rede CeMIT que en colaboración con outras entidades e voluntarios, ofrece formación de balde á cidadanía para mellorar as competencias dixitais e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de poñer en marcha un programa formativo de carácter gratuíto e 100% en liña para facilitar a capacitación en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos.
Nesta liña, o Consello aprobou renovar o convenio coas comunidades de Castela e León, Andalucía, Valencia, Navarra, Extremadura e Murcia para desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade. A colaboración, que se asinará proximamente, recolle o compromiso dos sete gobernos autonómicos de aglutinar esforzos e evitar duplicidades para facilitar o acceso de toda a cidadanía á acreditación en competencias dixitais.
O primeiro convenio, asinado en 2021, foi clave en Galicia para desenvolvemento da plataforma de certificación, así como para a elaboración dos contidos das probas para obter a acreditación en competencias dixitais. O novo acordo establece catro espazos de colaboración entre comunidades: un para coordinar temas relativos á autodiagnose das competencias dixitais; un segundo espazo centrado na formación; o terceiro para as cuestións relativas á certificación, e un cuarto espazo para colaborar na promoción e difusión das competencias dixitais a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas.
Grazas ás distintas medidas postas en marcha, a previsión é que ao remate de 2024 Galicia terá acreditado as competencias dixitais de nivel básico e intermedio a máis de 49.000 persoas entre alumnado, empregados públicos e cidadanía.
Certificados no eido educativo
Galicia foi pioneira o curso pasado en acreditar as competencias dixitais do alumnado e do profesado da comunidade e o Consello hoxe fixo balance dos certificados expedidos ata agora.
Tal e como amosa o informe hoxe avaliado polo Executivo autonómico, preto de 21.000 alumnos de FP, ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para persoas adultas xa teñen acreditadas as súas competencias dixitais grazas ao proceso pioneiro e propio, habilitado para tal fin pola Xunta de Galicia.
Trátase, en concreto, dun total de 20.686 alumnos, dos cales 17.732 son estudantes de ciclos de formación profesional, 2.807 de ensinanzas para persoas adultas e 147 de Artes Plásticas e Deseño. Por niveis, o 85,4% (17.667) obtivo o nivel intermedio de acreditación e o 14,6% (3.039) restante fíxoo no inicial. Todos eles recibirán de oficio a documentación acreditativa.
Estas acreditacións nas mencionadas ensinanzas realízanse ao abeiro do mecanismo que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional puxo en marcha o pasado curso co obxectivo de que o alumnado perfeccione as súas destrezas dixitais a partir dos contidos obtidos no sistema educativo e, deste xeito, mellorar a súa inserción laboral. Ademais das persoas acreditadas no eido da FP, nestes momentos hai certificados un total de 19.366 alumnos de ESO e bacharelato e 32.693 docentes.
Galicia permite así, por primeira vez no Estado, que os seus alumnos accedan a estes certificados, denominados ComDix, desde o sistema educativo, posibilidade que xa teñen tamén os docentes ao abeiro do mecanismo habilitado pola Xunta para os profesionais do ensino. A acreditación da competencia dixital do alumnado pode obterse, ben de xeito automático ao titular nalgunha das ensinanzas ou etapas, ou ben a través dunha proba específica a través da cal se pode acadar un nivel superior ou completar o nivel acadado.
Fuente: www.xunta.gal