- Lembra que este plan permitiu xa acometer case 300 quilómetros de novos itinerarios cun investimento de preto de 144 M€, e que foi recentemente distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024.
- Pártese dos plans redactados no seu momento para as 11 primeiras comarcas do Plan de sendas que tiñan prioridade menor ás xa executadas na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, O Morrazo, Ourense, Pontevedra, O Salnés, Santiago, A Terra Chá e Vigo.
- Ademais, incorporaranse as sendas identificadas como máis prioritarias de 7 novas comarcas: O Baixo Miño, A Barbanza, O Condado, Deza, Lemos, Noia e Sarria.
- A Xunta prevé licitar, antes de final de ano, os contratos de servizo para a redacción de todos os proxectos necesarios para completar o plan
O titular do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o novo Plan de sendas de Galicia, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, permitirá a execución de máis de “120 quilómetros de novas sendas peonís e ciclistas” nas estradas autonómicas ata o vindeiro ano 2027, e que suporá un investimento “de case 70 millóns de euros”.
Esta iniciativa impúlsase no marco da Estratexia galega de mobilidade, aprobada en maio deste ano polo Executivo autonómico, que prevé como un dos seus eixes de actuación o fomento da mobilidade sustentable e activa mediante a construción de sendas peonís e ciclistas.
O Goberno galego dá así continuidade ao Plan de sendas de Galicia levado a cabo en fases precedentes, que permitiu acometer “preto de 300 quilómetros” de novas sendas e beirarrúas cun investimento de case 144 M€, e que, tal e como lembrou Rueda, foi recentemente distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024, impulsados pola European Road Safety Charter (ERSC), unha comunidade de máis de 4.000 entidades e persoas que promove a Comisión Europea para mellorar a seguridade viaria en toda a UE.
Ademais, están en execución xa actuacións de gran relevancia, como poden ser as correspondentes aos eixes metropolitanos de Santiago: O Milladoiro – Intermodal, Intermodal – San Caetano, acceso ao CHUS; Ourense: Intermodal – A Ponte Vella – Expourense); ao treito Mollavao – Os Praceres da PO-546 entre Pontevedra e Marín: á senda na estrada PO-323 en Teis (Vigo) ou a da PO-531 en Campañó, tamén no concello de Pontevedra.
O novo plan
No Plan de sendas de Galicia autorizado hoxe polo Executivo autonómico identifícanse varias razóns para continuar o traballo levado a cabo nos últimos anos, con itinerarios que incentivan os usos de modos non motorizados como alternativa ao transporte convencional, reducindo tráfico e emisións; promoven o exercicio físico beneficiando a saúde e o benestar; melloran a seguridade viaria, ao segregar usuarios vulnerables do tráfico motorizado, e tamén teñen un valor recreativo e turístico.
Na selección de actuacións do Plan aprobado hoxe partiuse da revisión e análise das infraestruturas existentes e plans previos para a selección e identificación de áreas prioritarias baseadas en criterios de demanda, accesibilidade e coherencia coa Estratexia galega de mobilidade, que permitiron a clasificación das actuacións en niveis de prioridade (alta, media e baixa) segundo factores como o impacto potencial, a seguridade e a viabilidade técnica.
Con estas bases analizáronse os plans redactados no seu momento para as 11 primeiras comarcas do plan de sendas de Galicia para recoller actuacións que se identificaran pero que tiñan unha prioridade menor que as levadas a cabo na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, O Morrazo, Ourense, Pontevedra, O Salnés, Santiago, A Terra Chá e Vigo.
Ademais, incorporáronse as sendas identificadas como máis prioritarias de 7 novas comarcas: O Baixo Miño, A Barbanza, O Condado, Deza, Lemos, Noia e Sarria.
Deste modo, planifícase a execución dun total de 122,93 quilómetros de novas sendas no período ata 2027, con actuacións que están en diferentes fases de tramitación administrativa.
As lonxitudes e os orzamentos definitivos destes itinerarios concretaranse nos proxectos construtivos que se redacten, pero partindo da planificación xa proxectada nas catro provincias.
Deste xeito, na provincia da Coruña pode destacarse a planificación de novos itinerarios entre Arteixo e Lañas; entre Oleiros e Cambre, en Cambre e Culleredo ou en Boqueixón.
Na provincia de Lugo prevense, entre outros, novos itinerarios en Ombreiro (Lugo), en Guitiriz, en Parga, en Monforte de Lemos ou en Sarria.
No caso de Ourense, destacan as previstas na capital da provincia, en Reza, de acordo co proxecto consensuado cos veciños, e na zona do Cumial.
En canto á provincia de Pontevedra, actuarase no impulso de sendas en Vigo, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Poio, Moaña, Vilaboa, Meaño, Cangas, Bueu, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, Tui, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Lalín, Vila de Cruces ou A Estrada.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, prevé licitar antes de final de ano o contrato de servizo para a redacción de todos os proxectos necesarios para completar o plan.
Este contrato realizarase nunha licitación conxunta da redacción de proxectos das outras liñas de financiamento Feder 21/27: seguridade viaria, actuacións preventivas en muros e noiros, e plan de acción contra o ruído.
Fuente: www.xunta.gal