O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou o funcionamento dos novos vehículos da empresa Alsa, que incrementan nun 50% a capacidade de viaxeiros.
Trátase de unidades híbridas con etiqueta ambiental ECO e accesibles para persoas con mobilidade reducida
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nun percorrido de proba do novo modelo de autobús articulado que a empresa Alsa incorpora ao servizo de transporte interurbano da Xunta na Coruña, concretamente á liña leste desta área. Trátase de catro vehículos híbridos con etiqueta ambiental ECO e con capacidade para 150 persoas, incrementando nun 50% as prazas dos autobuses habituais.
Son ademais vehículos accesibles, con rampla e dúas prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida, e que incorporan novas tecnoloxías como wifi de balde ou enchufes USB, así como diferentes dispositivos de seguridade. No percorrido para coñecer todas estas prestacións participaron tamén a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
As novas unidades operarán principalmente no leste da Coruña, entre San Pedro de Nós en Oleiros e Entrexardíns, nunha aposta da empresa pola modernización da frota, en liña coa política da Xunta. Neste sentido, Diego Calvo referiuse ao impulso que lle está a dar o Goberno galego á modernización e transformación das frotas, con dúas convocatorias específicas enmarcadas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU. A dotación para ambas as liñas suma case 36 millóns de euros.
Investimento superior aos 140M€
O esforzo que está a facer a Xunta no transporte público supón un investimento anual de 140 millóns de euros. “Isto permite que a idade media dos vehículos do transporte interurbano se sitúe en 5,7 anos fronte á media estatal, por riba dos 11 anos, e que máis do 90% dos buses dispoñan de categoría ambiental C ou ECO”, apuntou o conselleiro.
A maiores, Diego Calvo incidiu no traballo de seguimento destes servizos para darlle resposta ás necesidades da cidadanía e garantir a súa adaptación a unha demanda crecente. No primeiro semestre do ano a demanda medrou un 9% ata chegar a case 20 millóns de viaxeiros. Os servizos da provincia da Coruña son os que transportan máis viaxeiros, con máis de 10 millóns de xaneiro a xuño, e os que rexistraron maior aumento da demanda, cun 10% máis respecto ao mesmo período do ano anterior.
Nesta liña, cómpre lembrar as diferentes medidas impulsadas polo Goberno galego para favorecer este incremento, como o sistema tarifario único, que inclúe bonificacións e beneficios como transbordos gratuítos, ou as tarxetas Xente Nova e +65, que ofrecen ata 60 viaxes de balde ao mes para os menores de 21 anos e os maiores de 65, respectivamente.
O acto de hoxe enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que se celebra ata o domingo 22 co lema Espazo público compartido.
Fonte: Xunta de Galicia