En Sada os grupos municipais do PP, PSOE e UPSA reclaman un pleno extraordinario para tratar a ampliación do CEIP Sada y Sus Contornos
Concelleiros dos grupos municipais do PP, PSOE e UPSA do Concello de Sada solicitaron formalmente a convocatoria dun Pleno Extraordinario para abordar a ampliación do CEIP Sada y Sus Contornos e votar unha modificación de crédito destinada ao inicio do expediente de expropiación dos terreos necesarios para tal efecto.
A solicitude realizouse tras a decisión do alcalde de considerar este asunto de urxencia, outorgando menos de 24 horas para que a Corporación revisase a documentación asociada. A oposición considera este prazo insuficiente para analizar un expediente desta envergadura e reclama un debate rigoroso e transparente no Pleno, o órgano máximo de representación democrática.
Pese a que xa se presentou unha solicitude formal no pleno do pasado xoves para a convocatoria deste pleno, o alcalde, a día de hoxe, non atendeu a dita petición. Ante esta situación, os concelleiros asinantes da solicitude proceden a reclamar de novo este pleno extraordinario mediante este mecanismo, tal e como permite o Regulamento Orgánico do Concello.
Entre os puntos propostos na orde do día inclúese o debate sobre a evolución do expediente desde a aprobación do PXOM (e os asuntos comprometidos neste plan sempre foron tratados con pasividade polo señor Portela) e a aprobación definitiva da modificación de crédito, necesaria para garantir os fondos para a expropiación.
A oposición destaca que este Pleno é esencial para asegurar a transparencia, a correcta fiscalización do expediente e a participación activa de toda a Corporación na toma de decisións que afectan aos intereses do municipio.